Gloria Domecq
Crecín en cociñas moi grandes en Vigo, coa miña avoa materna e a súa deliciosa pescada con allada, coa miña nai e as seus riquísimos guisos e arroces, coas miñas tías galegas e andaluzas, todas cunha enorme personalidade que se traducía aos fogóns.
Alimenteime de aromas: biscoitos recén feitos, sofritos, queixos cremosos con marmelo e potas cheas de vida e calor que se mesturaban cos gustos exóticos e andaluces que herdei do meu pai.
Souben, desde pequena, que quería ser cociñeira.

Un mundo de sabores
Empecei moi nova, con 18 anos, a ampliar o meu universo gastronómico en Londres, onde decidín dedicarme á cociña natural conectada coa terra.
Seguín descubrindo sabores e segredos de cociña: especias da India, parmesano italiano, as técnicas francesas e os sabores árabes, gregos e turcos.
En Italia aprendín o respecto ao produto autóctono, auténtico e silvestre. As súas vidas viran ao redor das hortas, as oliveiras, as conservas, os paseos polo bosque para recoller plantas comestibles, a mamma facendo pasta fresca toda a mañá, a despensa chea de conservas caseiras de tomate, cabaciñas, berenxenas, figos secos, manzanilla e cebolas silvestres en vinagre. Alí formeime en cociña tradicional italiana na Escola de Hostalería de Bolonia, en alta cociña natural con Piero Battistini e traballei como chef en varios restaurantes como o Centro Natura e o India World que facía fusión indo italiana.
En París estudei os segredos da cociña e repostería francesa na prestixiosa escola de cociña Le Cordon Bleu. Aprendín a xestionar cociñas profesionais e, con 23 anos, xa era xefa de cociña no restaurante R’ Aliment e Biotifoul. Foi duro pero marabilloso. Os parisienses pedían sabores novos, había que innovar, converter guisos e salsas tradicionais en novas experiencias. Ademais a multiculturalidad parisiense ensinoume a gastronomía árabe, que logo puiden perfeccionar en Marrocos.
Tras 11 anos de aprendizaxe internacional, sempre con Galicia no corazón, a terra onde sempre me sentín afortunada e orgullosa de pertencer, decidín o meu regreso para compartir todo o que aprendera.
Estaba preparada para a miña próxima viaxe, na miña propia terra.
A esencia de Galicia: un catering con encanto
Empecei a miña primeira aventura emprendedora con Ecogloria, un obradoiro ecolóxico de repostería e empanadas tradicionais que tivo moito éxito. Ademais impartín numerosos cursos de cociña natural, saborosa e ecolóxica. Fun crecendo e rodeándome de profesionais que me axudaron a converternos no que somos agora.
Era o momento de crecer, innovar e ampliar a empresa, así nace Gloria Domecq Cátering, un servizo de cociña que rescata, revaloriza e quere sorprender cun cátering de pura esencia da cociña galega, e os seus produtos autóctonos tradicionais, con toda a cultura culinaria do mundo que fun absorbendo nas miñas viaxes.
Hai moita riqueza gastronómica de Galicia por recuperar, e o noso obxectivo é investigar, revalorizar o pasado e estudar o futuro dunha cociña con moita personalidade, dunha materia prima fresca de máxima calidade, cunha explosión de sabores e moita arte.
Ademais Galicia está rodeada de beleza natural, por iso os nosos pratos e as nosas decoracións combinan elementos da natureza galega, ramas, flores frescas, froitas e outros elementos creando presentacións orixinais e sorprendentes, para gozar con todos os sentidos.

Estou moi ben acompañada
Estou moi ben acompañada dun equipo de profesionais da hostalería:
O noso xefe de sala, Francisco Estévez, é rigoroso pero absolutamente encantador, e consegue harmonía e eficacia en todos os servizos.
A nosa xefa de cociña, Olivia Escudero, é perfeccionista e estritamente ordenada, por iso dirixe os servizos coa máxima eficacia e profesionalidade.
Os nosos colaboradores de mesas temáticas son auténticos expertos en cociñas moi variadas, desde o noso soado e autóctono polbo a feira ata o afastado sushi que sempre combinamos con peixes galegos.
E o noso equipo de camareiros, axudantes de cociña e mantemento, que con destreza e elegancia serven os nosos cátering para facelo todo máis fácil, sinxelo e agradable.
Por último, a nosa decoradora por excelencia, Gloria Pérez Pernas, que consegue recrear ambientes da natureza, máxica e persoal, cun toque especial decorando mesas con ramas silvestres ou froitas frescas, alfombras que dan calor e cor ou adornar calquera espazo onde se queira sentir o momento, saborear, relaxarse, gozar.
Solicita o noso Dossier
Y ELIXE O TEU MENÚ PERSONALIZADO
Enviarémosche o noso dossier con toda a información para que poidas coñecer a nosa variada carta de produtos e servizos e consultar calquera dúbida.
